2 de feb. de 2017


A CANDELORIA, A FESTA DA LUZ

A festa da luz e día do amor nos antigos costumes galegos


lume
A Candeloria é unha festa relixiosa que se celebra o día 2 de febreiro.  Consiste  na bendición  das candeas que despois serían utilizadas na celebración da Semana Santa (máis exactamente o xoves santo). Pero en Galicia ademais era considerada a data coma un preludio da chegada da primavera e con ela o renacer da natureza. Dicíase que era a época do casamento dos paxaros e para os mariñeiros tamén era o comezo da navegación despois da longa espera no período invernal no cal a maior parte das embarcacións non saían dos portos.   

A CANDELORIA

Noutros tempos estas candeas eran utilizadas para ser postas nas mans dos moribundos coma símbolo de protección cristiá no tránsito á outra vida.  Neste día, o crego bendí-las velas ou candeas que os fieis manteñen acesas durante a misa e que logo levan para a casa.  A estas  candeas bendicidas atribúenselle poderes coma ós de calma-las treboadas e alumea-lo camiño das almas que deixan este mundo.   
Pero a orixe desta festa, coma a doutras moitas celebracións cristiás, é pagá. Era a antiga “festa da luz” , celebrada polos celtas e tamén polos romanos.
En Galicia non só era moi celebrada esta festa dentro do relixioso, senón que, no ámbito agrario, se celebraba o “casamento dos paxariños” . Di un refrán que “a partir da Candeloria, ningunha ave voa soa”. Considerábase a esta festa coma “a do amor e do apareamento no reino animal”.  
En Galicia coñecense tamén varios refráns que fan alusión á esperada melloría do tempo por esas datas:

Pola Candeloria mitá do inverno vai fora.
Se a Candeloria chora vai o inverno fora;
se rí, o inverno quer vir;
mais cal chorar, cal rir,
medio inverno está por vir