UNIDADE DIDÁCTICA
FICHA DIDÁCTICA
C A N T I G A S D E C O T O B A D E
O concello de Cerdedo-Cotobade acollerá o vindeiro 17 de maio o acto central do Día das Letras Galegas dedicado a Antonio Fraguas. A Real Academia Galega celebrará o seu pleno extraordinario na localidade natal do historiador e etnógrafo, pero as iniciativas de divulgación da súa vida e obra empezaron xa na web da institución. O académico correspondente Clodio González asina a biografía do intelectual nun espazo específico de academia.gal que seguirá a se alimentar ao longo deste ano con imaxes, documentos, novas, reportaxes e entrevistas arredor dun home que desde mozo desenvolveu un importante traballo "desinteresado, silandeiro e constante a prol da nosa cultura, sen nunca agardar nada a cambio", salienta o biógrafo.
Antonio Fraguas. Fonte: Museo do Pobo Galego
O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, inaugura ademais o ano na sección "Tribuna" cun artigo no que, alén da súa crónica vital "construída desde a coherencia e a lealdade ao seu país", destaca a utilidade pedagóxica da figura de Antonio Fraguas. "Abre para todos nós a explicación profunda da nosa identidade: o tesouro inmenso da cultura popular", conclúe.
Antonio Fraguas Fraguas (Loureiro, Cotobade, 1905 – Santiago de
Compostela, 1999), membro das Irmandades da Fala, do Seminario de
Estudos Galegos e director do Museo do Pobo Galego, dedicou a vida ao
estudo da cultura e do territorio galegos desde distintos eidos, con
especial atención e mestría á antropoloxía. O seu labor contribuíu
ademais a defender o galego como lingua de expresión válida para
calquera coñecemento, unha idea que segue a ser preciso reivindicar.
"O noso idioma resistiu non nas cátedras da universidade nin nas
cadeiras de elevadas institucións, senón na xente do común, os máis
humildes, na Galicia labrega e mariñeira da que fala o poeta que, malia
as leis asoballadoras da historia, mantivo ergueita a propia voz,
labrada na pedra dos canteiros, na rella do arado, na música dos
camiños, nos cantares de romaría, nos refráns, nas adiviñas, nas mans
encalecidas do traballo, mais tamén no berce dos arrolos e os bicos das
nais. De todo ese universo, extraordinariamente rico, trata a obra de
Antonio Fraguas", expresa o presidente da RAG.
Entre outras
iniciativas para divulgala, a institución presentará nas últimas semanas
do inverno a cuarta edición da Primavera das Letras, o proxecto web que
fornece a comunidade educativa de material lúdico e didáctico para
achegarse á celebración do Día das Letras Galegas dun xeito
interdisciplinario e ameno. Neste marco convocarase o concurso escolar
Contádenos o voso Día das Letras, que se resolverá á volta do verán, e
xa no mes de novembro celebrarase o tradicional simposio dedicado ao
protagonista do Día das Letras Galegas deste ano.