10 de nov. de 2016

O MAGOSTO

Magosto

A Celebración

O Magosto tradicional enténdese como unha merenda-cea no mes de novembro nos días próximos ao día de defuntos ou polo San Martiño. Despois de xantar, a partir das tres comézanse a facer os preparativos. Iníciase a andaina camiño do monte, encontrándose con outras familias ou grupos de amigos, búscase o lugar axeitado (descampado, encrucillada, longa laxa de pedra, onde o lume non poida facer mal), todos van cantando e gozando do día de outono. Búscase pica, fentos secos, piñas ou palla para prender o lume.
Imaxe dunha castaña
Acéndese o lume, inicialmente produce moito fume, pero logo a larada aumentará de volume e todos se achegan enfeitizados polo seu embruxo.
Picaremos as castañas para que despois non rebenten no lume.
Cando o lume se apague por si só, amoreamos as brasas, poñeremos unha grella e nela unha lata con buratos na que iremos colocando as castañas xa picadas. Darémoslle voltas cun pau longo de madeira até que estean no seu punto, ben asadas pero non totalmente torradas.
Mentres isto se vai facendo, os demais participantes preparan o sitio onde comelas e fan cucuruchos con papel para poder levalas. A festa non sería tal sen contar con xogos populares, bailar, contar contos, cantar, ...
É común emborrallarse a cara uns aos outros cos restos da fogata e saltala para que dea boa sorte.
Imaxe dunha castaña

A castaña

A castaña é un dos alimentos máis antigos da Humanidade. Desde o Paleolítico o home aproveitou e alimentouse de castañas e landras. Na relixión celta, o castiñeiro debeu ser venerado polos seus druídas, en compaña do carballo. O castiñeiro foi a árbore do pan das nosas tribos antes da chegada dos romanos, comíanas asadas, ou facían fariña das castañas secas ou "pilongas", para alimentarse durante todo o ano.
Imaxe dunha castaña
Até hai poucos anos, eran alimento base da poboación europea en forma de froito fresco, seco, sen as súas peles, ou moída en fariña. No século XVI, viñeron as patacas e o millo de América, estabeleceuse a competencia e perderon pouco a pouco protagonismo na dieta campesiña, e moito máis ao ser atacada a nobre árbore por enfermidades como o "chancro" e a "tinta".

O castiñeiro

O número de castiñeiros diminuíu en Galicia a pesar das repoboacións, diminuíndo tamén a produción cada ano. Cada vez máis, a invasión de piñeiros e eucaliptos denigra os nosos montes e fainos presa dos incendios.
Imaxe dun castañeiro
O castiñeiro é unha árbore nobre e non só produce castañas. Dános unha magnífica sombra en verán e leña en inverno. En simbiose, produce marabillosos cogumelos, compañeiros culinarias nos máis delicados pratos. Embelece a paisaxe, protexe e mellora o ecosistema humano, tan depredado por producións rápidas dun home que cada vez ten máis présa. A castaña proporciona uns beneficios considerábeis tanto polo valor real das exportacións como polo número de quilos comercializados directamente ou por medio de produtos derivados, especialmente das castañas confitadas.

Folclore

Receitas

As castañas prodúncese en Outono e no momento exacto de probar o viño novo, producido en setembro, así como nos días en que se acompaña o cocho sacrificado, como regulamento, no día de "San Martiño", o día 11 de novembro. As cidades medran e as tradicións esvaécense, pero aínda en aldeas, pobos e cidades, os homes lembran antigos pratos tradicionais que se comían na casa dos seus avós, feitos ou acompañados de castañas.
Imaxe dunha castaña

Castañas asadas

Asínanse as castañas, é dicir, fáiselle un pequeno corte por un lado para que non estoupen e despois póñense a fogo lento sobre unha plancha quente, tendo coidado de revolvelas a miúdo. Cando se lles quita a casca con facilidade e están brandas por dentro xa se poden comer.
Tamén poden asarse no forno. Neste caso case non necesitan revolverse. Teñen a vantaxe de que así non manchan nada as mans.
Se se fan nas brasas ou dentro dun cilindro metálico sobre o lume, estamos xa a voltas cun magosto.

Castañas con leite

  • Leite frío
Quítaselle-la pel grosa de fóra ás castañas e cócense en abundante auga cun pouco sal. Cando están xa cocidas, pero aínda quentes, libéranse da segunda pel e vanse botando directamente no prato onde se van comer. Cando o comensal considera que ten unha cantidade suficiente vértelles o leite por enriba e xa as pode comer antes de que se vaia todo o calor da castaña.
Cada un debe preocuparse de pelar castañas para si pois, se se lle deixa a tarefa enteiramente ao cociñeira ou cociñeiro, é probábel que todos teñan que comelas frías.

Castañas cocidas

  • Castañas secas
  • Lacón cocido
  • Cachola
  • Chourizos
As castañas cocidas serven para acompañar calquera carne. Na nosa comarca tradicionalmente tómanse con carne de porco salada e cocida (lacón, cachola), con chourizos cocidos, etc. As castañas secas hai que escaldalas en auga fervida para quitarlles os restos de peles. Logo férvense até que estean brandas e xa se poden comer ben acompañadas, como xa indicamos anteriormente.

Adiviñas

Alto estou
cor de ouro teño
e por unha risotada
perdo o que teño
(ourizo)
Unha cousa que vive na devesa
e vaille pica-lo cu á artesa
(a castaña)
Alto me vexo
no meu capalexo
e por unha risada
quedei sen nada
(ourizo)
Alto vivo,
mírame a xente
e se me río
quedo sen dente
(ourizo)
"Unha cousiña cousa, criada no monte, enxoita na casa e cómese sen tasa"
"Son verde e non son limón, son moura e non son carbón, son vermella e non son sangue, son branca e non son papel, ¿que cousa cousiña son?"
"Eu nacín dentro dun berzo, onde ninguén tocar ousaba: quen puña a mau non tornaba... Entre cidades e cortes me desexan ver crescida, e as mulleres preguizosas comigo gañan avida"
"¿Cal é a cousa, cal é ela, ten tres capas de inverno: a primeira mete medo, a segunda é lustrosa a terceira é amargosa?"

Contos de nunca acabar

  • queres que che conte o conto de Mª Castaña?
  • si
  • eu non digo si. Digo se queres que che conte o conto de Mª Castaña
Imaxe dun castañeiro

Cantigas

"As castañas son castañas, os ourizos son ourizos;
os ollos da túa cara, para min son dous feitizos"
"Canta a rula, canta a rula, canta a rula naquel souto;
Probiño daquel que espera polo que está na man doutro"
"Esta aldeíña de Cambre, moito viva que na honra,
de mañá, por entre o souto, en busca de boa sombra"
"¡Dáseme tanto por ti, como si nunca te vira!
¡encólgate nun castaño coas pernas para riba!
"A aldea de Palavea, de lonxe parece vila
ten corredoira na entrada, e un souto sin salida."
"Acabáronse as vendimas ahí veñen as esfolladas
para comer coas nenas catro castañas asadas"
"Has de cantar que che ei de dar zonchos, has de cantar que che ei de dar moitos;
has de cantar e has de cantar, has de cantar que chos hei de dar."
" Teño un castiñeiro alto, no tronco ten mil enredos,
tampouco os enamorados poden te-los ollos quedos."
"Santo que estás no canizo
bota castañas embaixo
que anque non teño mandil,
apáñochas co refaixo."

Ningún comentario:

Publicar un comentario